SOUND TV / TV SONS (Propaganda)
S @ X 2 1 cuarteto de saxofóns
Rubén Barros guitarra eléctrica
Ángel Faraldo electrónica
Pedro Rebelo Exposure* (2010) cuarteto de saxofóns e electrónica en vivo
Fausto Romitelli Trash TV Trance*(2002) guitarra eléctrica
Rico Gubler Loud-speakers (1999) 2 tenores e 2 barítonos
Ángel Faraldo Feedback Study #3b - "slow motion"** (2011) electrónica en vivo
Germán Alonso If God is in the TV,
then Rock is deader than dead ** (2011) guitarra eléctrica, 2 tenores e 2 barítonos
Franck Bedrossian Propaganda* (2008) cuarteto de saxofóns e electrónica en vivo
* Estrea en España
** Estrea absoluta. Encargo de S@X21
S@X21 explora o fenómeno da televisión por medio dun programa que inclúe catro pezas xa creadas con anterioridade (Exposure, Trush TV Trance, Loud-speakers, Propaganda) e dúas novas creacións compostas especificamente para este espectáculo: If God is in the TV, then Rock is deader than dead de Germán Alonso (Madrid, 1984) e o Feedback Study #3b - "slow motion"de Ángel Faraldo (Ferrol, 1980).
O punto de partida é a consideración da televisión como medio de transmisión de mensaxes, que poden ser transformadas e/ou manipuladas en sentidos moi diferentes. Exposure de Pedro Rebelo (Portugal, 1970), explora o espazo entre a determinación e a indeterminación: materiais acústicos obtidos froito dunha disxunción das técnicas interpretativas son manipulados pola electrónica, creando situacións sonoras de certa ambigüidade. En Propaganda, de Franck Bedrossian (Francia, 1971), esas mensaxes acústicas son, ademais de "manipuladas", amplificadas ata o exceso, confundindo o que é real do que está manipulado, transformado, poñendo de releve a "violencia da propaganda."
A inmediatez, a espontaneidade e a modernidade do medio televisivo podemos relacionalos coa gran difusión que hoxe en día teñen as músicas populares, especialmente o rock e o pop en todas as súas variantes. Un elemento característico destas músicas é a utilización da guitarra eléctrica, instrumento fetiche dun dos compositores presentes neste concerto, Fausto Romitelli (Italia, 1963-2004), e que será a ferramenta musical protagonista do Trash TV Trance, título moi elocuente respecto á valoración de certos contidos televisivos; unha peza 'eléctrizante' cercana á psicodelia e coas características da música deste compositor de culto: tratamento do son como materia a esculpir, repetición rítmica como medio de crecemento formal e un certo expresionismo no discurso musical.
O desenvolvemento tecnolóxico non é alleo aos medios visuais e sonoros, que terá unha pincelada neste concerto na interpretación do Loud-speakers de Rico Gubler (Suíza, 1972): catro fontes sonoras que recrean un medio de difusión cuadrafónico que S@X21 explora neste concerto a través da espazalización, e onde o silencio xoga un papel importante como elemento de enerxía e tensión.
O "concepto de realimentación (feedback) como mecanismo xerador de son e a relación entre os intérpretes e os sistemas involucrados" son o eixo común que teñen a serie de Estudos sobre Realimentación (Feedback Study Series), ciclo de cinco grupos de obras do compositor, artista sonoro, improvisador e deseñador de instrumentos dixitais Angel Faraldo:
"Así, a rama nº 1 engloba pezas para sistemas de realimentación e instrumentos musicais tradicionais (o primeiro deles composto para o Ensemble Fonos21 e estreado neste mesmo auditorio), mentres que o grupo de estudos nº 2 inclúe pezas interactivas con bailaríns; os números 4 e 5, aínda sen materializar, consistirán en instalacións e obras centradas na realimentación dixital, respectivamente.
O Feedback Study #3b - "slow motion" é a segunda das pezas escritas dentro do terceiro grupo de traballos, que abarca composicións baseadas na realimentación interna de aparellos electrónicos. Está escrita para no-input mixer, é dicir, para unha mesa de mesturas sen ningunha fonte sonora conectada a ela, máis que as saídas de si mesma, de xeito que todos os sons producidos son o resultado directo de bucles de voltaxe xerados dentro da propia mesa.
O subtítulo "slow motion" (movemento lento, a cámara lenta), alude a que as indicacións dadas ao intérprete na partitura consisten principalmente en facerlle alterar moi lenta- pero continuamente os parámetros de control da mesa de mesturas. Isto resulta, na primeira parte, nunha evolución moi lenta e gradual do material sonoro, mentres que na parte final xera materiais rítmicos de evolución xeral máis rápida." [Ángel Faraldo].
Germán Alonso parte da seguinte reflexión sobre o medio televisivo para crear If God is in the TV, then Rock is deader than dead:
"[…] cando a nosa concentración alcanza o seu punto culminante, xa non a podemos diferenciar da desconexión mental, e ao revés: a desconexión extrema da mente da paso a un estado hipnótico. [...] Dende esta perspectiva podríase explicar sen grandes dificultades a veneración caseque relixiosa que disfruta o medio cero: significa a aproximación técnica ao nirvana. Podemos afirmar, polo tanto, que o televisor é a máquina budista."
O vacío perfecto. O medio de comunicación "cero" ou por qué non ten sentido atacar á television; Hans Magnus Enzensberger
If God is in the TV... é un programa sonoro "sen programa", no que os episodios sucédense sen relación causa-efecto. Os eventos so "duran", como diría Dmitri Kourliandski, non evolucionan hacia puntos prefixados, senón que cambian de forma polo impulso vivo da súa propia matericidade.
Non hai desenrolo: hai deformación/repetición/acumulación.
Non hai transformación: hai cambio.
Cando impera a estética do ruído (die schöne Kunst der Geräusche), o absurdo adquire carta de natureza.[Germán Alonso]
Medios e expresións sonoras comúns ao mundo televisivo, electrónica como manipulación, alteración ou amplificación de mensaxes (propaganda), a actitude do telespectador e referencias aos contidos televisivos son ideas presentes neste concerto; e como na televisión, testemonio inmediato da actualidade, a proposta musical que hoxe escoitamos está entroncada coa actualidade e a realidade da música actual.
Pablo Coello