MÚSICA E ARTE
CORRESPONDENCIAS SONORAS
CICLO DE CONCERTOS
CENTRO GALEGO DE ARTE CONTEMPORÁNEA
abril - novembro 2011
No ano 2011 van ser tres as mostras do CGAC que terán contrapunto musical no ciclo de concertos deseñado por fonos21: unha exposición sobre a artista italobrasileira Anna Maria Maiolino, producida pola Fundación Tàpies en colaboración co CGAC e o Malmö Konsthalle, unha mostra colectiva titulada Estades preparados para a televisión? e coproducida polo CGAC e o MACBA de Barcelona, e por último, a mostra individual do artista norteamericano Jeff Wall, que pechará o programa anual de exposicións.
O primeiro dos concertos, inspirado na obra de Anna Maria Maiolino, pon o acento nas dicotomías, na preocupación da artista pola linguaxe e pola utilización de xestos primarios e movementos repetitivos. Para visualizar estes aspectos da súa obra escolleuse unha combinación instrumental que presenta unha clara dualidade: o mundo do sopro a través do cuarteto de saxofóns (S@X21, Galicia) e a natureza acústica das cordas (Quarteto de cordas de Matosinhos, Portugal), cun programa que explora as posibilidades da linguaxe e da fala nun contexto instrumental, a transformación de diferentes naturezas acústicas e o movemento vinculado á figuración e ao son.
A proposta musical ligada á mostra Estades preparados para a televisión? presenta, entre outros, títulos como Trash TV France ou Propaganda, e inclúe música electrónica en vivo combinada con instrumentos acústicos e a guitarra eléctrica que, aínda que inicialmente vinculado ás músicas populares como o rock ou o jazz, foi asimilada dende hai tempo pola música clásica contemporánea.
Para o terceiro concerto, a agrupación galega Vertixe Sonora presenta un programa concibido como retrato sonoro arredor da obra do fotógrafo Jeff Wall: cinco pezas, todas encargas e estreas absolutas da ensemble,amosarán a visión ou interpretación que da obra deste artista canadense fan cinco compositores novos de estéticas diferentes.
Este ciclo, que está directamente vinculado coa creación musical actual, presenta oito estreas absolutas, encargadas por S@X21 e Vertixe Sonora a varios representantes dunha nova, interesante e creativa xeración de compositores do panorama internacional: Jacobo Gaspar (Pontevedra, 1975), Xabier Mariño (Ponteareas, 1983), Ramón Souto (Vigo, 1976), Lula Romero (Palma de Mallorca, 1976), Germán Alonso (Madrid, 1984), Víctor Ibarra (Guadalajara, México, 19878), Yashiaki Onishi (Hokkaido, Xapón, 1981), Mauricio Pauly (San José, Costa Rica, 1976), ademais de cinco estreas en España de Georges Aperghis (Atenas, 1945), Franck Bedrossian (Francia, 1971), Helmut Oehring (Berlín, Alemaña, 1971), Pedro Rebelo (Portugal, 1972) e Fausto Romitelli (Italia, 1963-2004).
PROGRAMA
April 12
June 28
November 29