info [ ] fonos21.com
D  I  C  O  T  O  M  Í  A  S
Anna Maria Maiolino


S@X21cuarteto de saxofóns + Quarteto de Cordas de Matosinhos
Anne Scholossmacher viola



                                                                             Georges Aperghis Crosswind * (1997) viola e cuarteto de saxofóns
                                                                             Xacobe Gaspar Metamorfose da luz ** (2010) saxofón alto e cuarteto de corda
                                                                             Thierry de Mey Musique de Tables (1987) tres intérpretes


                                                                             Helmut Oehring Love In * (2006) cuarteto de corda e 4 saxofóns
                                                                                                           (Doppelquartett mit Henre)
                                                                                                                          I   Locked
                                                                                                                          II Passion



                                                                                          *    Estrea en España
                                                                                          **  Estrea absoluto. Encargo de S@X21



Son diversas as perspectivas dende as que se aborda o traballo da artista brasileña Anna Maria Maiolino para definir un programa musical vinculado a súa obra artística. A primeira delas está fundamentada na importancia das dicotomías no seu traballo (dentro-fora, positivo-negativo, ausencia-presencia) e as súas series Desenhos/Objetos, que  se manifesta na elección dun orgánico instrumental cunha clara dualidade: o mundo do sopro a través do cuarteto de saxofóns  e a natureza acústica das cordas. Esta idea marca o deseño básico do programa, con obras como Crosswind para viola e cuarteto de saxofóns ou, como pertencente a unha mesma serie, ao seu contrario, Metamorfoses da Luz para saxofón alto e cuarteto de corda (coas súas correspondencias nas obras Vestixios na transparenciaBuraco Branco ou Buraco ao Lado); e Love In, dialogo alterno e superposicións de discursos acústicos diferentes (en correspondencia con Um en UmIn, Linha Solta, Espiral ou Entre pausas).

Se no caso de Maiolino as dicotomías "están abocadas a reconectarse nun proceso de transformación", Jacobo Gaspar emprega na súa Metamorfose da Luz "obxectos sonoros que se metamorfosean para xerar outros de diferente natureza."

E tamén inspira o concerto a preocupación de Maiolino pola linguaxe; a instalación sonora É (2010) ten a súa  conexión con Crosswind, onde os instrumentos se utilizan como se estivesen a falar (a indicación parlando aparece na partitura, como un indicativo do sentido no modo de tocar o instrumento), e moi claramente na sección final da obra, onde a linguaxe, a fala, toman o protagonismo dun xeito moi orixinal. A elección da música do alemán Helmut Oehring tamén está vinculado á idea da linguaxe; a concepción da súa música está moi ligada ao feito biográfico de ser fillo de pais xordomudos, ata o punto de utilizar músicos xordos nos seus espectáculos, o que lle confire á súa música unha representación sonora moi persoal. Así, na sección central do primeiro movemento, Locked, o cuarteto de saxofóns desenvolve un discurso instrumentalmente moi cercan á fala, á dicción fonética.

Musique de Tables ten unha compoñente visual moi clara, ao mesmo nivel que a compoñente musical: movementos no espazo das mans (aquí  a conexión coas obras de Maiolino Ad Hoc ou + & - (More and Less), incluso con Por um Fio é moi evidente) crean unha coreografía visual en correspondencia con diferentes sons producidos polos golpes ou roces das mans sobre unha táboa de madeira, cunha concepción minimalista e repetitiva.


As obras

No caso de Crosswind o discurso musical creado por Aperghis está cargado dunha enerxía e unha visceralidade a través da utilización dos instrumentos cercana á manipulación como obxectos físicos: un instrumento musical como unha ferramenta creadora de sons. Non so pola violencia no son e no xesto musical, tamén por un diálogo de confrontación entre o cuarteto de saxofóns e a viola; un enfrontamento que transcende o instrumental e convertese en verbal (diálogo) entre cuarteto e solista, moi habitual na teatralidade da música do compositor grego.

Transformación e manipulación sonora son as propostas do novo compositor galego Jacobo Gaspar na súa Metamorfoses da luz, obra encargada por S@X21. "Nesta obra emprégase a metamorfose como proceso asociado a diferentes niveis formais, feito que se observa tanto na natureza dos materiais como no modo en que estes se iuxtapoñen. Así, a evolución do discurso musical  fundaméntase en obxectos sonoros que se metamorfosean para xerar outros de diferente natureza.
Categorías contrapostas como saturación - non saturación, son continuo - granulado, estabilidade - inestabilidade caracterizan as fases opostas dos procesos de cambio, que en todos os casos desembocan en estados de elevada saturación tímbrica.
Deste modo, establécense diferentes relacións entre os diferentes instrumentos que forman o conxunto; en ocasións o cuarteto de corda funciona como un instrumento transformador do material do saxofón, no caso extremo prodúcese un contrapunto de liñas que se metamorfosean a si mesmas. En todo caso, o timbre e, dun modo máis preciso, as súas diferentes gradacións de luminosidade convértense no eixo do discurso." (Jacobo Gaspar)

Musique de tables, do compositor e cineasta belga Thierry de Mey, é un exemplo característico da súa obra, onde o  movemento corporal é sempre fundamental, e emprégase como transmisor, manifestador da compoñente rítmica da súa música.

Con Love In S@X21 afronta novamente unha composición ambiciosa do alemán Helmut Oehring (xa estrearon no 2009 Papelera, para cuarteto de saxofóns e catro percusionistas xunto ao Drumming de Porto). A obra está articulada en dous movementos: Locked, un diálogo alterno entre as dúas agrupacións a través de dous discursos independentes; "diálogo amoroso" que culmina en Passion, recreación do Love's A Sweet Passion de Henry Purcell (The Faire Queen), un canto dos praceres e tormentos do amor baixo a persoal visión de Helmut Oehring.

Pablo Coello




S  @  X  2  1  c u a r t e t o   d e   s a x o f ó n s 
Ignacio Casas - Pablo Coello - Diego García - Rafael Yebra

Agrupación formada no ano 2000 tras a estancia dos seus membros no Conservatoire National de Region de Bordeaux, comezando dende entón unha labor de dinamización e desenvolvemento musical en Galicia como parte da estrutura fonos21.
S@X21, máis alá da tradicional concepción do cuarteto de saxofóns, articúlase en múltiples combinacións e permutacións instrumentais, ofrecendo un gran dinamismo e versatilidade nas súas actuacións. Cunha ampla actividade tanto individual como de cámara, teñen realizado numerosos concertos, participando en festivais e congresos, e organizando diferentes actividades relacionadas coa creación e interpretación da música contemporánea, sempre apostando polas novas creacións de compositores galegos, españois e internacionais: Fernando Buide, Jesús González, Xacobe Gaspar, Xabier Marino, Antón Pulido, Ramón Souto, Eduardo Soutullo, Germán Alonso, Gabriel Erkoreka, David del Puerto, Eckart Beinke, José Luis Campana, Christophe Havel, Kevin Mayo, Pedro Moreira, Luca Mosca, Mauricio Sotelo, Helmut Oehring e Pedro Rebelo.

Sendo o saxofón a base instrumental da formación, colaboran con outros instrumentistas, agrupacións e  disciplinas artísticas: percusións, piano, contrabaixo, voz, electrónica en vivo, performances, improvisacións...

Os seus membros desempeñan unha importante labor pedagóxica nos Conservatorios Superiores de Música de A Coruña e Vigo (Pablo Coello e Rafael Eebra) o son saxofón principal nas Bandas Municipais de Santiago de Compostela e Ourense (Diego García e Ignacio Casas). Colaboran habitualmente coa Real Filharmonía de Galicia.























Quarteto de Cordas de Matosinhos
                                                                                               Vitor Vieira I violín
                                                                                               Juan Maggiorani II violín
                                                                                               Jorge Alves viola
                                                                                               Marco Pereira violoncello

O Quarteto de Cordas de Matosinhos foi creado en 2007 durante o concurso organizado pola respectiva Cámara Municipal. Todos obtiveron as súas licenciaturas na Academia Nacional Superior de Orquestra, institución coa que o cuarteto mantén aínda colaboración, e realizaron estudios de perfeccionamento en diversas escolas de prestixio, como a Escuela Superior de Música Reina Sofia en Madrid, a Northwestern University en Chicago e o Conservatorio de Sion en Suíza. O cuarteto realizou tamén estudios especializados no Instituto Internacional de Música de Cámara de Madrid, baixo a orientación de Rainer Schmidt (violinista do Cuarteto Hagen). Todos os seus membros recibiron premios portugueses e internacionais individuais e en música de cámara. Destaca o segundo premio obtido no 1º Concurso Internacional de Música de Cámara de Alcobaça en 2009 e os primeiros premios obtidos no concurso Prémios Jovens Músicos no apartado de solistas (1996, 2001 e 2003) e de música de cámara (1992, 1999 e 2004). Este último levou à presentación do  cuarteto na Fundación Calouste Gulbenkian, Festival de Música de Sintra e Casa da Música.

Os membros do cuarteto, nos seus anos de estudio, tiveron contacto, en master classes e tamén regularmente nas súas escolas, con membros de varios cuartetos destacados do panorama internacional: cuartetos Alban Berg, Hagen, Lasalle, Emerson, Melos, Vermeer e Kopelman.

Actualmente o cuarteto ten unha temporada regular de concertos en Matosinhos, desenvolvendo unha serie de proxectos inéditos en Portugal: ademais de integrais dos cuartetos de Haydn, Mozart, Beethoven e Mendelssohn, asume especial importancia o encargo e estrea de obras de compositores portugueses. O cuarteto estreou obras de Carlos Azevedo, Fernando Lapa, Vasco Mendonça, Miguel Azguime, Eurico Carrapatoso, António Chagas Rosa, Nuno Corte-Real e un Concerto para cuarteto e Orquestra de António Pinho Vargas (estreado na Casa da Música con a Orquestra Nacional do Porto en Outubro de 2009) estando prevista para o 2011 a estrea dunha obra de Álvaro Salazar. Está tamén prevista a gravación e edición en CD destas obras.

O cuarteto presentase por todo Portugal, tendo realizado concertos nos Dias da Música do CCB e nos Festivais de Música de Espinho e Póvoa de Varzim, colaborando con músicos como Carlos Azevedo (na estrea do seu quinteto), o violoncelista Paulo Gaio Lima, o contrabaixista António Augusto Aguiar, os clarinetistas António Saiote e Bruno Graça e os pianistas António Rosado, Miguel Borges Coelho e Pedro Burmester.


Anne Scholossmacher viola

Natural de Alemaña, obtén o seu Diploma en Música pola Hochschule für Musik und Darst. Kunst de Frankfurt, acadando posteriormente o Master of Music na Universidade de Rice, Houston (USA) e o Graduate Performance Diploma no Peabody Conservatory, JHU,Baltimore (USA). Estudou cos profesores Walter Müller (Viola Principal da RSO de Berlín), Wayne Brooks (Viola Principal da Houston Symphony Orchestra), Roberto Diaz e Joseph de Pasquale (Violas Principais da Philadelphia Orchestra).

Foi membro da Chamberensemble for New Music Rheinland Pfalz, Alemaña (Viola solista), da Chamberorchestra de Mainz, da Chamberopera de Frankfurt/Main (Viola Principal), da Junge Deutsche Philharmonie, da New World Symphony Orchestra (USA), da Maryland Symphony Orchestra (USA), da Südwestdeutsche Philharmonie (Konstanz/ Alemaña), e actualmente e viola da Real Filharmonía de Galicia.

Participou en diferentes agrupacións camerísticas como a Chamber Ensemble for Contemporary Music do Peabody Conservatory, Ensemble for New Music Rheinland Pfalz e como membro de diferentes grupos de cámara da Real Filharmonía en diferentes concertos e no Festival Via Stellae.



c  o  m  p  o  s  i  t  o  r  e  s

Georges Aperghis

Naceu en Atenas no 1945. Dende que se establece en París en 1963, levou unha carreira orixinal e independente, dividendo o seu tempo entre composicións instrumentais ou vocais, teatro musical e ópera.
En 1976, fundou un taller de teatro musical, o Atelier Théâtre et Musique (ATEM). Esta estrutura permítelle unha renovación completa da súa actividade compositiva, facendo uso de músicos e actores: os seus espectáculos están inspirados na vida cotidiá, os acontecementos na sociedade transfórmanse nun mundo de poesía, un mundo a miúdo absurdo e satírico - Récitations (1978), Jojo (1990), Sextuor (1993), Commentaires (1996)
Dúas das súas obras, compostas no 2000, alcanzaron un amplo éxito en toda Europa: Die Hamletmaschine, Oratorio baseado nun texto de Heiner Müller, e Machinations, encargo do IRCAM, galardoada co  Gran Premio da Sociedade Francesa de Compositores.

En 2004, compuso Dark Side para Ensemble Intercontemporain e Marianne Pousseur, con extractos da Orestíada de Esquilo (Premio Salabert), e, unha nova ópera, Avis de Tempête, creada en Novembro de 2004 n a Ópera de Lille co Ensemble Ictus, Donatienne Michel-Dansac, Johanne Saunier, Romain Bischoff e Lionel Peintre, e dirixida  por Georges-Elie Octors (Gran Premio da Crítica 2005). En 2006, Avis de Tempête presentouse en París no Festival Agora / Ópera de París.
Durante o verán de 2006 estreou Wölfli Kantata sobre textos  de Adolf Wölfli no Festival Eclats co Neue Vocalsolisten e o SWR Vokalensemble dirixidos por Marcus Creed, e Contretemps encargo do Festival de Salzburgo para o Klangforum Wien con Donatienne Michel-Dansac (soprano) dirixida por Hans Zender.

No último festival de Witten, estrenouse Zeugen, un "espectáculo musical" con textos de Robert Walser, ensemble e 7 títeres de Paul Klee.
Happe end (estreada en decembro de 2007 na Ópera de Lille) é unha película de animación-concerto para conxunto instrumental, electrónica e unha película firmada polo artista belga Hans Op de Beeck (coas voces de Edith Scob e Michael Lonsdale) basada libremente no Pulgarcito de Charles Perrault.



Xacobe Gaspar Grandal

Nace en Mos (Pontevedra) en 1975. Estuda Composición no Conservatorio Superior de Música de Vigo con Carlos Cambeiro, Joam Trillo e Pablo Beltrán. Realiza estudios de Posgrado con José Manuel López López no Conservatorio Superior de Música de Aragón. Tamén é Licenciado en Economía pola Universidade de Vigo.

Amplía a súa formación asistindo  a cursos de composición con Cristóbal Halffter, Tomás Marco, José M. Sánchez-Verdú, Jesús Rueda, Alfredo Aracil, Georges Aphergis, Selvano Bussotti, Leonardo Balada e Eduardo Polonio.

No ano 2009 obtén o 1º premio Xavier Montsalvatge no XX Premio "Nuevos Compositores Fundación Autor" CDMC.

Na actualidade é profesor de Análise no Conservatorio Superior de Música de Vigo.




Thierry de Mey

Compositor e director de cine (Bruxelas, 1956). Un instintivo sentido do movemento  guía o seu traballo, permitíndolle abordar e integrar diferentes disciplinas; rexeitar a consideración  do ritmo como unha simple combinación de duracións dentro dunha estrutura temporal, e consideralo como algo que debe ser manifestado pola acción corporal, constitúe o postulado da súa música e cinematografía. Unha grande parte da súa produción musical está destinada á danza e ó cine. Para os coreógrafos Anne Teresa De Keersmaeker, Wim Vandekeybus e a súa irmá Michele Anne de Mey é algo máis que un compositor; é tamén un valioso colaborador na invención de "estratexias formais", como a él lle gusta indicar . As súas principais realizacións e composicións inclúen Rosas danst Rosas (1983), ganadora dos premios Bessi de New York (1988) e Eve du Spectacle, Bruselas (1989), Amor constante (1994), April me (2002), Kinok (1993), What the body does not remember (1987), Les porteuses de mauvaises nouvelles (1989), Le poids de la main (1990), Dantons Töd (1998),Musique de tables, Frisking (1987) e Counter Phrases (2005)

En 1984 funda con Peter Vermeersch a ensemble Maximalist!,  e participa na creación da ensemble Ictus, agrupación que estreou varias das súas pezas baixo a dirección de Georges-Elie Octors.  Artista en residencia do Festival de Música de Estrasburgo en 2001 e 2002, e figura central do Festival Musique en Scène de Lyon en 2004. A súa música é interpretada por importantes ensembles como o Curteto Arditti, o Hilliard Ensemble, a London Sinfonietta, a Ensemble Modern, Muzik Fabrik e a Orquestra Sinfónica de Lille. As súas instalacións que integran música, danza, vídeo e procesos interactivos son presentados en eventos comom as bienais de Venecia e Lyon e en numerosos museos.



Helmut Oehring

Fillo de pais sordomudos, traballou na construcción e en diferentes profesións durante os años 80, pero durante este tempo  interesouse pola composición musical europea. Guitarrista e compositor autodidacta, seguiu os consellos de André Asriel, Helmut Zapf, Georg Katzer e Friedrich Goldmann e foi alumno de Georg Katzer na Academia das Artes de Berlín (1992/1994), xendo elixido membro da Academia no 2005. En 1994/95 foi invitado á Vila Massimo en Roma, e obtivo numerosos premios, incluído o Hanns Eisler da Deutschlandsende Kultur, o Premio da Ópera de Cámara Orpheus de Italia e o Premio Schneider Schott Music. Recibiu tamén o Premio Hindemith por toda a súa creación, que inclue máis de 150 obras: para instrumento solo, música de cámara, obras orquestais, óperas e música de teatro, música incidental, de películas, ciclos de cancións, actuacións radiofónicas e un libro-audio.

A música de Helmut Oehring foi creada en estreita colaboración con diferentes artistas, ensembles e institucións, cos directores de escena Ruth Berghaus, Ulrike Ottinger, Daniele Abbado, Claus Guth e Maxim Dessau, coreógrafos como Joachim Schlömer, directores como Ingo Metzmacher, Lothar Zagrosek, Marten Brabbins e Roland Kluttig, orquestras como a SWR Orquesta Sinfónica Baden-Baden e Freiburg, Orquestra Sinfónica da Radio Bávara, a Orquestra Sinfónica de Berlín e a Staatsorchester de Stuttgart, e con ensembles de música contemporánea de renombre. A súa obra é programada en salas e teatros de Europa, Asia e Norteamérica.



© Xacobe Meléndrez Fassbinder